Monday 29 de April de 2024

Trenor participa no Izado da Bandeira Verde de Galicia no concello da Laracha


— O municipio de Oleiros foi galardoado por primeira vez e os de Curtis, A Laracha, Muros, Ordes, Porto do Son e Ribeira revalidan este distintivo

— A Bandeira Verde de Galicia ten por obxecto enxalzar as boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López, participaron no izado da bandeira verde concedida pola Xunta a este Concello.

Trenor lembrou que este distintivo ten por obxecto enxalzar as boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe e salientou que cada vez son máis os concellos que se suman a esta iniciativa. Se na súa primeira edición -2020- se entregaron 2 bandeiras verdes, este ano son 18 os municipios distinguidos, 3 máis que o pasado 2022, dos cales sete están na provincia da Coruña.

Nesta ocasión, o concello de, Oleiros foi galardoado por primeira vez e os de Curtis, A Laracha, Muros, Ordes, Porto do Son e Ribeira revalidan este distintivo que outorga visibilidade a estes municipios como territorios responsables.

Nesa liña, o delegado animou a todos os municipios a presentarse a este galardón que pretende sumar e reflectir o esforzo que as entidades locais están facendo polo futuro de Galicia, grazas a accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; para afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; para xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e para sensibilizar a cidadanía nesta materia.

A maiores, a concesión deste recoñecemento supón, ademais, un mérito para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural. E, como novidade desta edición, tamén para a obtención de axudas autonómicas en materia de residuos para construír e mellorar puntos limpos fixos, implantar instalacións móbiles ou impulsar proxectos de preparación para a reutilización.